Thursday 31 de October de 2024

O Concello abrirá o mércores 24 de agosto o prazo de inscrición nun curso de Inglés preparatorio para a obtención do nivel B1


A concelleira de Formación, Natalia Hermida, anunciou a apertura do prazo, o vindeiro mércores, dun curso de Inglés preparatorio para a obtención do nivel B1. A convocatoria oferta un total de quince prazas e diríxese a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón. Hermida avanzou que o curso consta dun total de 215 horas que se impartirán no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, do 7 de setembro ao 15 de decembro de 2022 –de luns a venres de 9.00 a 12.45 horas, agás o último día que finaliza ás 13.15 horas. Programouse nesas datas, tal e como indicou Hermida, para coincidir coas de celebración dos exames para a obtención da titulación do nivel B1.
Esta acción formativa terá unha parte de contidos gramaticais, outra de contidos semánticos/léxicos, e unha terceira de contidos prácticos. Así mesmo, no curso impartiranse módulos transversais de inserción laboral, igualdade de xénero e sensibilización medioambiental.

As solicitudes poden presentarse dende o 24 de agosto -as 8.30 horas- ata o 31 de agosto –ás 13.00- no Rexistro Xeral do Concello. Tamén poderán presentarse solicitudes a través da Sede Electrónica do Concello ou polos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición no Rexistro e o listado provisional das persoas admitidas, suplentes e excluídas publicarase na Sede Electrónica do Concello. O alumnado seleccionado será informado telefonicamente da súa admisión para confirmar a praza. A listaxe definitiva publicarase tamén na Sede Electrónica.

As persoas que desexen recibir máis información, na sección de Servizos, Formación e Actividades Municipais da páxina web do Concello ou contactar co Servizo Sociocomunitario, tfno. 981337700, Ext.- 1108 e 1109